Sunday 19 de May de 2024

Comezan as obras de construción dunha senda peonil e a ampliación da travesía de Aldeagrande (Lousame)


 

A alcaldesa Teresa Villaverde lembra que “temos o compromiso do presidente da Deputación de que estas obras son a primeira fase das tres necesarias para chegar ao Confurco”

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, visitou esta mañá as obras de humanización e mellora da seguridade viaria na estrada DP 4201, de Portobravo a Confurco, ao seu paso por Aldeagrande (Lousame). Uns traballos orzamentados en 304.174,01 euros (IVE incluído) e que foron adxudicados o pasado 28 de maio por 194.002,19 euros á empresa Excavaciones y Obras Melchor SL, que vén de iniciar as obras o pasado xoves.

Uns traballos que consisten na ampliación de 5 a 7,5 metros da plataforma da DP 4201, sobre a que se construirá unha senda peonil de medio quilómetro na súa marxe esquerda. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “por fin deron comezo as obras. E digo por fin porque dende 2014 tiña dous compromisos coa veciñanza: o enlace de Portobravo co corredor Brión-Noia, de cara á Xunta; e estas obras en Aldeagrande, de cara á Deputación. A primeira xa é unha realidade e a segunda por fin veñen de comezar”.

Villaverde lembrou o longo procedemento preciso para conseguir estas obras. “Fixemos as xestións cos veciños, o deputado responsable de Obras visitou a zona en 2016 e ese mesmo ano nola concederon”, recordou a alcaldesa de Lousame, quen recordou que “en outubro de 2017 convidamos ao presidente da Deputación, a quen agradezo esta actuación, e conseguimos “o seu compromiso de que estas obras son a primeira fase das tres necesarias para chegar ao Confurco, que se farán en tres proxectos individuais, sendo este o primeiro”. Neste sentido, lamentou que “haxa quen pretenda facer ver que unha obra desta importancia se adxudicou por unha simple visita á Deputación”.

Próximo inicio do saneamento de Filgueira/Seixido

A alcaldesa de Lousame amosouse convencida de que estas obras suporán unha importante mellora da seguridade viaria para a veciñanza pois “é unha vía moi estreita e con moitas curvas en todo o seu trazado e, nesta primeira fase, unha zona que ten o Club de Xubilados moi cerca, paradas de bus escolar, establecementos de hostalería e poboación que agora verán incrementada a súa seguridade viaria”. Así mesmo, aproveitou para pedir desculpas aos veciños e veciñas polas molestias que poidan supoñer a coincidencia de dúas obras na mesma estrada. “Aínda que as obras foron adxudicadas en maio e case poderiamos estar celebrando hoxe a súa finalización, sabemos que as empresas dispoñen de varios meses para inicialas. Os técnicos estiveron en setembro vendo as actuacións previas para a retirada dos postes telefónicos e da luz e dende o Concello estaremos moi pendentes para que os traballos se fagan o antes posible”, explica Villaverde Pais.

Así mesmo, anunciou que “en breve comezarán as obras de saneamento no Seixido e Filgueira, tamén na DP-4201, pois faltaba unha autorización da Deputación porque parte das actuacións transcorren por esta mesma vía. Uns permisos que saíron da Deputación o pasado 25 de outubro e que espero que permitan iniciar canto antes unhas obras coas que levamos meses de atrasos por estes permisos. É algo que me enfada porque nos metemos no inverno cunhas obras que tiñan que estar xa feitas e agora van coincidir dúas na mesma estrada, que lles van causar molestias aos veciños e polo que pedimos desculpas”.

A alcaldesa explicou que “se trata da primeira fase do saneamento en Filgueira e Seixido, onde se colocará o colector principal coas conexións ás vivendas na marxe da DP-4201 e a depuradora”. Un proxecto que beneficiará directamente a 57 veciños e veciñas destas dúas aldeas e que foi adxudicado por 113.487,92 euros.

Descrición das obras

As obras de humanización e mellora da seguridade viaria na estrada DP 4201 ao seu paso por Aldeagrande contan cun prazo de execución de 6 meses e terán lugar nun tramo de 520 metros da DP-4201 co obxectivo de humanizar esta travesía, que actualmente conta cunha estrada duns 5 metros de ancho. As obras inclúen a demolición de tres casetos na marxe esquerda da vía e o movemento de terras para conseguir un ancho total de 7,5 metros, que se logrará actuando sobre os sobreanchos da estrada.

Isto suporá contar cunha estrada de dous carrís de 3,25 metros cada un e unha senda peonil de 1,8 metros de ancho na marxe esquerda da estrada, que estará separada da estrada por un caz de formigón prefabricado e unha beiravía de 0,3 metros. A senda estará pavimentada cunha capa de 12 centímetros de zahorra e outros 12 de formigón coloreado. Mentres que na estrada procederase á aplicación de rego de adherencia e 6 centímetros de aglomerado.

A maiores, colocarase un sistema de recollida de pluviais, cos seus correspondentes pozos de rexistro e arquetas sumidoiro; e se executará unha canalización para o alumeado público. Tamén se executarán dous muros de pedra granítica de 25 e 60 metros de lonxitude, para a contención de terras.

Próximas actuacións

A alcaldesa de Lousame aproveitou tamén para anunciar a próxima licitación das obras da ponte de Berrimes, “que están coa xustificación das baixas temerarias e en breve serán adxudicadas”. Unha actuación na que o Concello de Lousame e a Dirección Xeral de Patrimonio van rehabilitar esta ponte de orixe medieval. Así mesmo, anunciou que de aquí a fin de ano acometeranse as obras de acceso a Sabugueiro (en licitación), a pavimentación de Lesende e do interior de Arxellas (adxudicada), a mellora dos accesos a Seoane dende Cruído, a pavimentación do interior de Figueiroa e Carantoña, a pavimentación do vial dende a planta de compostaxe a Servia ou o ancheamento do interior de Pousada. “As ambulancias non poden pasar polo interior de Pousada e o outro día unha rascou os dous laterais, polo que estivemos cos veciños e temos que agradecerlles a súa colaboración para que no prazo dun mes poidamos ter ampliado o interior desa aldea”, conclúe Teresa Villaverde.